quinta-feira, 19 de janeiro de 2012

veleno en augamel, polo arrebato...


 ... e non fuxir de min cando deserte 
deste soño inflamado en pesadelo 
reforzando en fogón para mantelo 
máis leña de soñar cando desperte,

... e non saír de min cando me alerte 
de acompasar, tal vez a contrapelo, 
monólogo interior co ritornelo 
de competir co son cando me aperte. 

A vida que levei e que inda levo 
semella unha moción contra o recato; 
non me importar saber se disparato 

no baile do vivir, porque me atrevo 
a debater comigo cando bebo 
veleno en augamel, polo arrebato... 

(Rioderradeiro)


quarta-feira, 18 de janeiro de 2012

Cando estrugas, xa estragas gran de trigo.




Remanso da nenez reconvertindo 
Rever pola memoria recordando, 
Rebote en mocidade retumbando 
Relouca en madureza resumindo. 

Rebelde insensatez amamantando, 
Reborda aquel fardelo referindo 
Recalcos do seu fato repetindo 
Recargos doutro tempo amurallando. 

A penas prenda pan na pel da espiga 
Premisa de perfil alborozado, 
Retumba a voz do tempo alporizado 

Mordente con mordaza en mans da intriga. 
¡Quen puidese romper fatal castigo! 
Cando estrugas, xa estragas gran de trigo! 


(Rioderradeiro)


sábado, 14 de janeiro de 2012

Profunda o sol polo ocaso.


  Cómprelle á luz refulxente  
rebuldar, pulir relato,  
resplandecer con recato,  
sucumbir iridescente.  

  Cómprelle ao sol, de repente,  
pagar, con cargo ao arrebato,  
o prezo do seu zapato  
que encova cont(r)a corrente.  

  A nube que está madura  
do ceo ao mar garda o paso  
de repousar na espesura;  

  De cara e cruz, con fartura,  
depón o Rei, sen factura, 
a ofrenda fiel, sen retraso; 

  Por defraudar tal fracaso,
profunda o Sol polo ocaso 
e pernoita en campa escura;

  Transfire LUZ: nova albura.


              (Rioderradeiro)



quarta-feira, 4 de janeiro de 2012

Un soneto de amor con escalpelo.


  Cando invocas amor, logo respondo,  

coa espada de luz loita proclamo; 


se pronuncias amor, ao teu reclamo, 


co meu raio interior, calo ben fondo. 




  Cando invocas amor, véxome espido 


brindar pola ilusión que arma o pecado; 


se pronuncias amor, coma un soldado, 


desbordo aquel fortín máis espelido. 




  Cando invocas amor, xa me interpelas, 


e decides por min, abres, apelas 


diana ao corazón, franco castelo; 




  Se pronuncias amor, reverdecelo 


é profundar a dor, inflar das velas 


insuflando á paixón máis sarampelo..., 



  Un soneto de amor con escalpelo. 



                                  (Rioderradeiro)


segunda-feira, 2 de janeiro de 2012

Avala o mar da badía...


  Bebeu da fonte sagrada
a balea en pedrería,
perfuma en bruma a valía
da nobreza aquilatada.

  Brinda beleza en varada,
avala o mar da badía,
aprende da baronía,
non se resiste á balada.

  Contra os chuvascos chantado,
contra os salseiros ganzúa,
se por mor do vento brúa,
devén veleiro abrumado:

  Recibe o sol abraiado
MonteLouro , fiel da lúa,.

***


  Bebeu da fonte sagrada
a nobreza aquilatada...

 A balea en pedrería
avala o mar da badía..

  Brinda beleza en varada,

non se resiste á balada...

  Perfila o feito a valía,

aprende da baronía...


        (Rioderradeiro)