quarta-feira, 24 de fevereiro de 2021

Parabéns!, SESENTA E SEIS..!


 Brindando ao tempo propincuo,
vir ben labrada a feitura,
chegar a idade madura
legando os sesenta e cinco.

  Seres, señora, discreta,
tirar de folgos secretos,
gozar de fillos e netos,
teres a prole completa.

  Respectada nos "pixéis",
belida flor, rexe, rega
fragrancia que non renega 
de se expresar nos pinceis.

  Cumpres, francesa..., e galega 
-bicos abondos, na entrega-,
parabéns!, SESENTA E SEIS..!



(Rioderradeiro)




quarta-feira, 30 de setembro de 2020

Van os meus bicos de proa!

 


  Ti dis que os mellores bicos
danse con lingua argadela;
confrontados cos tres picos
de secaño, e con cautela,
son caudalosos, conspicuos,
son pecadentos, oblicuos,
son de cine, e de novela.
Que perigoso é metela
e confiar noutra boca
que ata ao falar se equivoca,
co marisco e coa broa,
de palabra e de persoa,
e, sen embargo, a bravura
rompe no claustro a cordura
con, "verbi gratia", a fartura
máis linguateira: a da loa. 

  Lingua Galega, armadura,
firme peana, e coroa,
no teu padal, na quentura,
van os meus bicos de proa!


(Rioderradeiro)

segunda-feira, 17 de agosto de 2020

A sacudir a banana.

























 


  




  
  Pobre Rei, que se nos vai
cargado de contumacias;
pobre España, que adelgazas
de comisións e falacias;
pobre Corte Celestial
de aduladores, caudal
de conspiradores, mafias
da burguesía bonsai,
lacaios da aristocracia, 
pesebrismo policial...

  Canto a Sofía, esa nai
sublimada por bocazas,
subliñada polas masas;
canta inxustiza se fai
con ela, fiel nas desgrazas,
sufridora en "verbigracias"
do prófugo samurai,
espello de democracias.


  Rumbo a Abu Dabi, a Dubai, 
República Dominicana,
a se engolfar de nirvana,
de bourbón, de kalisay,
de serrallo, de badana,
a sacudir a banana?


 (Rioderradeiro)

13-08-06-abu-dhabi-by-RalfR-088.jpg
(Wikipedia)

segunda-feira, 1 de junho de 2020

Viravoltas de maxín.


  












  Reliquia de Portosín,
RÍO NOVO, este delfín
varado contra criterio,
descarnado, torto, serio,
no peirao, "de postín"..!

  É pirata, galopín,

na campa do cativerio,
humillado, en cimiterio
muradán, no boletín,
de costas ao ministerio..!

  Carnaza doutro botín, 

debruza xa no improperio:
ai chatarra, ai perruquín,
ai ponte do bergantín
sucumbindo a novo imperio..!

  Desbordante maxisterio, 

denuncia imaxe misterio?
Viravoltas de maxín...


            * * *


  Revoltas no maletín,
cartafol dun hemisferio.


   (Rioderradeiro)


quarta-feira, 13 de maio de 2020

A base de fantasía.

3 L'Arbre de Vie, un concentré du Cosmos Vivant | BLOGOSTELLE ...
(Wikipedia)

  A serpe.- "... É que Deus sabe ben que o día en que comades dela, hánsevos abrir os ollos e seredes coma Deus, sabedores do ben e do mal..." (Xénesis, 3, 18)



  Omnisciente Satanás
-escenario da palestra-,
de esguello, desde a fiestra,
catando adiante e atrás.

  Baixa en reptil, maquillado,
na procura da muller,
inocente en comprentender 
que ese reptante é malvado.

  Doce veleno, en maná,
brinda a culebra en mazá,
aquel manxar prohibido;
comunga Eva co marido
a ofrenda que o demo dá:

  Froito foi saber que había
no mundo dor e miseria
e un bocadiño de leria
para endozar a estadía
a base de fantasía.

  (Rioderradeiro)


C'était mieux avant : l'illusion du paradis perdu.
(Wikipedia)