Vive o traidor de tal xeito, resentido, enrabechado, coma alacrán, infectado dun Xudas insatisfeito. Campa, malandro, maltreito, deglutindo vilanía: como ha cobrar plusvalía, recargo do seu despeito. Rega, malvado, esa espiña, e relambe ese desgusto; proba no humilde e no xusto as propiedades da tiña. Fogo de inferno, de feito, a súa man no teu peito.
Jose Brinqueiro.- "Gustaríame que lle puxeses algún comentario á foto que puxen de Monte Louro de hoxe..."
Daguerrotipo ou pincel, castidade no papel, caza o Brinqueiro soidades, ao luscofusco, orfandades desbordantes pola pel; ten MonteLouro cartel de incomodar vaguidades.
Esta vida promete unha arrogante algarada de ardor arborescente; rompe o tempo a paixón adolescente, gasta os folgos da fe de cada amante. Esta vida propón de interesante unha historia insegura, insuficiente; pasa o crono a restar internamente desalentos que conta en cada instante. Esta vida propende a reiniciarse nunha estancia máis plena e máis segura; ninguén sabe se en nova singradura pode un home deixar de reiventarse. Esta vida pretende proxectarse noutra esfera final que te depura. Esta vida presente é de impostura.