segunda-feira, 25 de março de 2013

O meu pe(n)sar opresivo.



  Tódalas cousas que fixen
unha tras outra perdín
por se burlaren de min
desprezando canto as quixen.


  Tódalas as cousas que dixen,
fundamentadas na fe,
fóra da pel, quen as ve,
por alusións, cando aflixen?


  Para divagar derivo,
que o rastro da pena proe
no cerne; tanto me doe
a percepción de estar vivo!


  Pula caudal, privativo,
move este rodicio, roe,
preme na moa, opresivo...

  Que o meu pensamento moe.



                           (Rioderradeiro)



sexta-feira, 22 de março de 2013

Revela truco algún tolo?




  A forza da corrupción
nace de aceptar que todo
-por tradición, moda e modo-
pode atopar acomodo
onde a trastenda compón
tea de araña á razón
e unha benda ao corazón
para adobar protocolo:
carto, regalo, centolo,
beneficio e bendición.

   Labra apetencia o ladrón?,
lava conciencia o birollo?,
revela truco algún tolo?
Preguntas de "a patacón".

  Respostas que non recollo.



             (Rioderradeiro)



terça-feira, 19 de março de 2013

para o modelo machista.



  Prohibido ás mans ligar
no xogador, na pelota;
que empurre pé pola bota,
busque a bola o seu lugar.

  ¿Fará burato a puntada?
Desmandado, ao parecer,
mételle un dedo a pracer,
segundo eu vexo en portada.

  “More ferarum” de artista,
Pola mosca, o futbolista
copia esquema demandante,

  contracultura aberrante
que con lente de oculista
non resulta edificante

  na liga moralizante
para o modelo machista.

(Rioderradeiro)


sexta-feira, 15 de março de 2013

que o Nova Escocia reviva

Foto

 (Manuel Lago Alvarez)



Un menú, pura ambrosía,
servido en ton mozartiano,
mete en cintura o piano
con meridiana harmonía.

Cabalga a pelo o mencía
polo padal, soberano,
regalando alento humano
condumio con regalía.

Veña esa copa intuitiva
irmandada ao bo café,
brinde Manolo o porqué
da linda tarta intrusiva,

viva factura máis IVA,
unha minucia, abofé;
que o Nova Escocia reviva
na Rúa Ancha, e ¡olé..!

(Rioderradeiro)



 (Manuel Lago Alvarez)

quinta-feira, 14 de março de 2013

A carga que máis me pesa


A carga que máis me pesa
implica o propio existir:
sacar de quicio o vivir
desangrado a toda présa,

botarlle un pulso á cabeza
do berce ata a sepultura,
caer de froita madura
onde denuda incerteza.

Dura pracer só un minuto,
o padecer persevera,
se outra esperanza me espera…,


se hei descargar noutra esfera
este existir disoluto,
pola escalada debuto…,

pois desvivir desespera.

(Rioderradeiro)