terça-feira, 3 de julho de 2012

Coma un barril revirar.



  Por graciosas e garridas,
son estas mozas seguidas
no seu cantar e bailar;
poñédemas nun altar
de muradanas vestidas
por lles rezar ás belidas
canto se poida rezar;
como pide o pandeirar,
teñamos festas cumpridas,
que deveñan divertidas;
coidadiño co tocar
das gaitas sempre atrevidas!

  De atrevido conversar,
o mozo que as acompaña
debe de ser da montaña
pola forma de amarrar;
con palabras aprendidas,
desborda olladas torcidas
con mentes de as cativar;
debruza as mans reprimidas
nas carnes máis distraídas,
tropezando ao camiñar
con virtudes aprendidas
para cantar e bailar.

  Mariñeiro ou labrador,
non deixa de ser labor
do maromo concertar
ás mozas co seu tocar;
cómpre ao larpeiro dispor,
dar cintura de estribor,
-bravo recurso-, atacar
cos pasos de acompasar
a muiñeira con vigor;
que barullo ao rebuldar,
coma un barril, revirar
pola amura de babor!


            (Rioderradeiro)



domingo, 1 de julho de 2012

Ana mátaos que (*)-ode.


A Ministra de Sanidade: Ana Mát(a)os.


A vellez é vulnerada

Porque non dá rendementos;

Esquécense os fundamentos

De cando foi venerada.

 

A vellez é comparada

Con descaro aos excrementos;

Paga o vello os malos ventos

Do desgoberno en cagada.

 

Como (im)paciente que rode,

Que lle retiren laxantes,

Que lle recarguen minguantes,

 

Con cobre, mentres sacode,

De esqueleto cabalgante,

As rendas de Rocinante.

 

Ana mátaos que  (*)-ode.



(Rioderradeiro)

 
Gustave Doré. (Wikipedia)

sexta-feira, 29 de junho de 2012

De vacuidade sen tara.


  

  Co peso cargado, enriba,

teño as costelas baldadas

e as costas desbaratadas

de soportar diatriba.



  Levo esa pena cativa

e na gorxa, destonada,

a esperanza destrozada

de destragar a saliva.

 

  Quen son eu? Por min pregunto.

Vexo no espello trasunto

que me interpela e compara.

 

  Fai o sufrir contrapunto,

porque o devir avultara

a sombra que te enmascara?

 

  Cavilo sobre este asunto:

son o meu propio presunto?

Non o sei. Precipitara?

 

  Co peso cargado, enriba,

levo esa pena cativa

que, decontino, dispara.


          (Rioderradeiro)


quarta-feira, 27 de junho de 2012

Calendario en Clavileño.



As fotos son coma o traxe
Que te viste e te amortalla,
Son por fortuna esa talla
Onde forxar homenaxe.

Gardas o tempo na imaxe
Se cadra porque deveces
Vivir a vida máis veces
Na invocación da paisaxe.

Percorres con teimosía
Fecundo alfoz de deseño,
Entras no azul con empeño,

Trafegas de travesía
E divagas por badía
Cabalgando un Clavileño.


(Rioderradeiro)




Compre a balanza ao pirata…


(Wikipedia)


De traballo en tropicón,
Rompéronme o corazón
Tantos viaxes de oblata
Como pedía a función;
A conciencia intemerata
De rosario e contrición
Conseguina en oración
Contando as doas de prata.

 
(Wikipedia)

Esta nosa profesión,
¡Mala centella, que ingrata!;
Porque eu fora de excursión
Gastando un “kirieleisón”,
Sofro afronta e mais traizón
E fai comigo fogata
A prensa que disparata
Por me apartar do sillón.

En nada envexo a Garzón,
Pois xa perdín a paixón
De latar e dar lata
Pola miña salvación;
Andes de estirar a pata,
Deixo o poder que me mata,
Voume cobrando a pensión…,
¿Teño ou non teño razón?

¡Fillos de pita barata!,
Garde eu na casa o balón,
Que remate o meu baldón,
Poña ollo en parche outra rata,
Un gato con pel de gata
Que administre senrazón,
Colla o testigo un felón,
Compre a balanza un pirata…

E redima disfunción
Cunha ración de piñata.

(Rioderradeiro)




(Wikipedia)