sexta-feira, 18 de maio de 2012

Cargado de acontecer.



  Ai!, na cara, o mar da risa,
ai!, na estrofa en pé quebrado,
corazón desabrochado
polo botón da sonrisa.

  Ai! do si e mais do non,
ai! do teu soño dourado
polo peloxo encoirado
a proscribir a ilusión.

  Ai!, que apreta tempo frío,
ai!, que desborda acotío
o baleiro do esquecer,

  Ai!, canto costa aprender,
ai!, navegar sen navío,
desnortado en mar bravío,

  Cargado de acontecer.

                    (Riderradeiro)




terça-feira, 15 de maio de 2012

De campaña en corpo esquivo.



Neste altar onde te miro
Debruza o meu pensamento
Para lle dar fundamento
Ao mirar co que te admiro.

Recobra alento o suspiro
Que me serviu de alimento
E rescato o sentimento
Da sensación do respiro.

Na pura fe redivivo,
Para mellor desexarte,
Tributo ao teu baluarte;

Por quedar libre e cativo,
Regando a rosa obsesivo,
Devezo por abrazarte;

Coutar ardor nun ser vivo
É servir baixo estandarte
De campaña en corpo esquivo.

 (Riderradeiro)



segunda-feira, 14 de maio de 2012

goza o teu soño indixesto..!


  A razón de non querer
pasar pola túa porta
só me atixe e non che importa
se a prefiro padecer.

  Pois son quen de apetecer
namoramento sufrido,
linda causa é, reprimido,
privarlle á sede beber.

  Brindes ao sol, sendo honesto,
escribín no manifesto
que tire a mesa o mantel,

  Que lisque a lúa o seu mel
ben na gaiola, ou nun cesto,
no faiado poñer presto;

  Xa apostrofei no papel:
-Malpocado Caravel,
goza o teu soño indixesto..!


                         (Riderradeiro)



domingo, 13 de maio de 2012

Ti triunfarás, linda estrela


  Onde estás ti todo é festa:
Quixo Deus, que ama a valía
e a malgastar non se apresta,
multiplicarche alegría.

  Quizá, por fin, risa honesta,
en vendo a túa harmonía
como de fada en floresta,
floreza en min algún día.

  Se cadra porque babexo
cos ollos con que te vexo,
non podo verte máis bela;

  Son o máis fiel centinela
para afastares perigo,
e sempre da man, testigo,

Ti triunfarás, linda estrela,
e o meu corazón…, contigo.

(Rioderradeiro)



sexta-feira, 11 de maio de 2012

De Adán, no Edén, cociñeiro.


Sestea o serán no azul,
Mais, como remata todo,
Traspasa a espada ese apodo,
Corpo servido..., e gandul.




Andan dicindo, papá,
Polos rueiros contando
Que o demo vai propagando
Conversación con mamá
Cando o limón foi, pecando,
Reconvertido en mazá. 


Prospecto do limoeiro
Pendurado dun cordón,
Noutra póla, retranqueiro,
Triplica interpretación
E reforza a confesión
Do cítrico verdadeiro
Que folla, por tentadeiro,
Como de/mostra o botón,
Preso en trama o tropezón
Compracente aventureiro
Ver/decente en corazón,
Orixina pracenteiro
Un pecado vinculeiro:
Puxou fervente o limón
Na maceira en conversión
De Adán, no Edén, cociñeiro.


Chouta Adela e chanta Aimar,
Tamén chouta Micaela,
Coma o limón que ao chantar,
Chouta no leito unha estrela,
Micidade a rebuldar:
¡Árdelle o eixo! ¡Can/dela…!





Sestea o serán no azul,
Mais, como remata todo,
Traspasa a espada ese apodo,
Corpo servido..., e gandul.



(Rioderradeiro)