segunda-feira, 30 de abril de 2012

No peito, coma canguro.



  O corazón co que falo,
pragado de cicatrices,
pespunta tales matices
que alcanzan todo o que calo.

  Polo silencio intercalo
irrefreables deslices,
irredentos, infelices,
que ecoan polo devalo.

  Se calo, porque me apuro
a galopar contra un muro,
cabalgando en clavileño...,

  Psique viral, vacuo enxeño,
pois en comercio inseguro,
tralo demudado empeño...,

  Non aseguro o que teño
no peito, coma canguro.

           (Rioderradeiro)



 Kangaroo and joey.jpg
(Wikipedia)

sábado, 28 de abril de 2012

Cabaleiro…, e celestino.


riniart.org


Competir por esquirol
Só convence ao submarino:
Contubernia en caracol,
Periscopia en ollomol,
Pastorea en langostino.

Moralista libertino,
Ético irmán do charol
Tuneado no formol,
Subastado co porcino,
Comparado co caprino.

Casamenteiro do sol,
Cabaleiro…, e celestino.

(Rioderradeiro)


quinta-feira, 26 de abril de 2012

Morte ao leal centinela!



Louvanza da traizón.
(a considerar en segunda lectura)
    _____________


  Se á traizón lle cambian nome,
no canto de traidoría,
deslealdade resome
refugallo en quen consome
confortable felonía.

  Se a traizón trae ardentía
e prende en tripa o recado,
con ese lume arengado
abastece a tubería
que suministra ao mercado.

  O felón de sancristía
bendice vento inventado,
faiche na vela furado,
tinxe de sangue badía,
arriba, vén revirado...

  Que a perfidia é teimosía,
ten un brincar da estornela,
ten voltas de virandela,
pon no verbal vilanía,
é ponzoñenta en por ela.
  
  Arma a boca o deicida
coa prata recibida;
abre co bico portela:
trinta denarios parcela.

  Viva o Xudas suicida!
Morte ao leal centinela!

              (Rioderradeiro)

segunda-feira, 23 de abril de 2012

- Pór arado a labrar... no bo sentido.

 

  Se o mal de ausencia, amor, intercalara
nesta dor de existir, e resistira,
na mesma clave, igual, eu revivira
fardelo a percibir en canto a(r)mara.

  Tal desventura, así, multiplicara,
e en tal desgraza, así, repercutira
na potencia voraz que se revira
e volve a enmudecer cando murchara.

  Ausencia que me apena e me socava,
anguria de saber que todo acaba,
áncora de encarar o malvivido...

  Non se esgota fachuco agradecido,
pois pretende endozar a chaga escrava
e combater a sombra onde acampaba...

  Para cegar a dous co seu fluído:
labarada a labrar... no bo sentido.

                         (Rioderradeiro)


sexta-feira, 20 de abril de 2012

Resaca dun gran Bourbón...



Cadeira capta atención,
Safari suma á regata,
Maquilla a venda o pirata,
Panacea en contrición;
Propaganda intemerata,
A prensa empurra e retrata,
Convicto de meter pata,
Catapulta o tropezón,
Cazado en ocultación,
Falar na tele en chorón,
Descargando causa ingrata
Por que a cascou no colchón…


No seu calvario, a carón,
Cobráronlle en comisión
Un elefante de lata,
E a pena, por ser barata,
Setenta veces perdón,
De esperpento na razón,
Pola en zarzuela de oblata,
Máis couces noutra ocasión,
Pervertir crucifixión
Dun país con catarata:
Confesión, ponte de prata,
Resaca dun gran Bourbón...  

(Rioderradeiro)