sábado, 19 de fevereiro de 2011

Endereitar as frechas de Cupido.

Ha de acadar no pan nova amencida,
Debe arrincar o gran da sementeira,
Ha de encadrar na malla á muiñeira,
Desenfadar a fada confundida.

Ha de afogar de sede á fame espida,
Debe alagar de brillo esa roseira,
Ha de arroupar de armiño a cabeleira,
Recompensar a man empobrecida.

Corazón de cartón, cabalo ergueito,
Por misterioso azar tan mal prendido,
Sustancia do inmortal incomprendido,

Galopa a discreción polo teu peito;
Alcanza, corazón, forza o dereito
De endereitar as frechas de Cupido.

(Rioderradeiro)

Archivo:Allori Venus Cupido.jpg

quinta-feira, 17 de fevereiro de 2011

Polas sombras do ser, coma unha araña


  
  Queres poñer o mar a bon cuberto,
recollelo en canal pola xanela,
deixalo repousar, pór centinela,
furtarlle o aldabrón ao mar incerto.

  Queres coller do pulso o mar aberto,
cinguilo de adival pola cintura;
na lareira, veleiro en grande altura,
soña a derrota o navegante experto.

  Estranxeiro de ti, quen te interroga?;
encrequenado en ti, quen te acompaña?;
escravizado a ti, quen te encadea?

  Ha responder na vaga o remo en voga
polas sombras do ser, coma unha araña
na arañeira do mar, na túa tea.


(Rioderradeiro)




quarta-feira, 16 de fevereiro de 2011

No reiseñor, na rosa..., no regueiro.



  Sementa Deus a graza que te ampara:
no corazón de Deus reina a empatía.
Na coraza pon Deus cabalería:
regala Deus contino ardor sen tara.

  Sabe, por vello, Deus... Quen apreixara
a sapiencia de Deus, sabiduría!
A cordura de Deus... Por cortesía,
ponlle ao mal tempo Deus moi boa cara!

  Se nos falase Deus directamente,
humanizando a voz coma voceiro,
sería o ton de Deus máis verdadeiro

  Cá palabra de Deus, tan convincente,
no corazón da flor? Sinceramente...
Silencio!, fala Deus, de corpo enteiro,

  No reiseñor, na rosa..., no regueiro.


(Rioderradeiro)




terça-feira, 15 de fevereiro de 2011

Sempre por navegar, nauta senlleiro...


  Por que este azul do azul toma o pigmento?
Por que do azul agroma tal mirada?
Por que te amosa Deus a faz calmada
revestida de azul na pel do vento?

  Por que o pincel acada a barlovento
a mala cor da nube asolagada?
Por que no azul a vela revelada
desborda pola eslora a sotavento?

  No vento azul a dorna é virtuosa,
co vento azul a vela vai ditosa,
no vento azul o mastro ergue mareiro

  -Desterrade aquilóns da garimosa!-
sobre a tona das ondas, ventureiro,
por sempre navegar, nauta senlleiro,

  Co celestial azul de pel mimosa.


(Rioderradeiro)

domingo, 13 de fevereiro de 2011

De novo xermolar en vella estrela.


  Mergulla o sol. O serán solta a brida
dos vagalumes e das belas fadas;
alampa o sol paixóns atoleiradas
que destronan do ceo á noite espida.

  Mergulla o sol. Aprázase a partida
contra tahúr de carta remarcada;
apostatar decote importa á espada
cando empurra na pel máis pervertida.

  Mergulla o sol. Un anxo prende a vela
de embarullar ruletas do casino,
pois barallarlle ao naipe a cara bela

  É  na timba apostar como adiviño
outro prazo maior cara ao destino.
Mergulla o sol. No mar, por centinela,

  De novo xermolar en vella estrela.


(Rioderradeiro)