domingo, 26 de dezembro de 2010

Nun corazón que adorna os apelidos.


  Queda a mañán de sol embarazada
de alento dun verán tan farturento,
de tarde e de serán contentamento,
e de noite xestante de alborada.

  Queda na albura a dorna tan preñada
deste ventiño morno, ese alimento
que é semente de fol e fundamento
de veliña gaiteira aventurada.

  Ai da abella do sol, a treu, libando
as notas de color e de quentura!
Ai da tilla e temón, da arboradura!

  Os designios da luz, tan preferidos,
que o vento de solpor foi pór fiando,
"Lizgaira", "Avelaíña", deslizando...

  pola tona do mar, polos sentidos,
nun corazón que adorna os apelidos.

(Rioderradeiro)

terça-feira, 21 de dezembro de 2010

Entre as ascuas arder canto fabulo.


Toro, farta a fogueira, aflora a rima;
Tordo, sobre a figueira sobrancea;
Touro, torna ao touril, turra, tentea;
Toxo, torques no trazo que agarima.

Trazo que espido abrazo torna estigma,
Toro que no lumeiro xa serpea,
Tordo que da figueira afína a escea,
Toxo que atrapa ao touro en paradigma.

¡Árdelle o eixo ao toro que chispea!;
Collo da man ao tordo e mais ao mulo;
Tomo solfeo ao touro en compañía;

Requiro prá concerto rula e rulo.
Toxeiras orquestais bordan capea;
Toureos de salón trobo a porfía:

Entre as ascuas arder canto fabulo. 

(Rioderradeiro)
 

quarta-feira, 15 de dezembro de 2010

Enfunda o seu fulgor, funde a fiereza.

Prende na luz, remansa en man resesa
A saiva requentada esparexida;
Presto represa na presa da ferida
Furúnculo en furor de flama acesa.

Furúnculo en furor na chaga impresa,
Combate en expasión a espada espida
En reparar paixón pronta á partida;
Apreta, percherón, pola devesa...

Na cerrazón encaixa con certeza,
O garañón aproba de cabeza
Os cargos dun haber e dun debido;

Sagrario de solpor, sopro ferido
Enfaixado en refaixo de fiereza,
Tránsfuga fanfarrón enfebrecido,

Enfunda o seu fulgor, funde a febleza.

 (Rioderradeiro)

segunda-feira, 6 de dezembro de 2010

Apura a dentellada en tona breve

Archivo:Mosaico Trabajos Hércules (M.A.N. Madrid) 12.jpg
(Wikipedia)


Canto abrasa o calor da pel no estío,
Cinguido así, tan abraiado queda,
O tempo do rodicio tanto inqueda,
Como presa caudal do mar no río.

Canto abrazo cordial de fogo en frío,
Imantado tal vez pola moeda;
Porque o doblón é duro en almoeda
Na fiestra que á forza fai de fío.

Bórrame alguén o tempo máis bravío
Da febre do verán que abranda a neve;
Abrolla de costado ao meu navío

A fera intemporal que é can certeiro;
Afonda a dentellada en tona breve
Por me arrincar o ben máis verdadeiro.

(Rioderradeiro)


(Wikipedia)

terça-feira, 30 de novembro de 2010

Deprenderás,¡Sol-Ra!, sexoloxía.



(wikipedia)



Podes, ¡Sol!, renegar das propias luces
E pernoctar no fondo do mar cego,
Romper amarras, revirar sartego,
Navegar sen compás cando debruces…

Descomunal no amor cando seduces
Coa forza estelar do teu apego,
Se acarrexas na luz ese alter ergo,
Espírito carnal que reproduces…

Podes resucitar mitoloxía
En barca ou carro, e con cabalería.
Podes, ¡Ra!, derramar o lucimento

E confrontar de proa o pensamento
Do faro fraternal que fai vixía.
Pódeslle pescudar o sexo ao vento:

Mariñeiro de altura e de badía,
Has deprender,¡Ra-Sol!, sexoloxía,


(Rioderradeiro)



Archivo:Solvogn.jpg

(wikipedia)