sábado, 13 de novembro de 2010

Polas perlas do NÓS que me coroa.

Da man deste misterio, dúas perlas;
Nas perlas, TI no EU, que te intercalas
En  min, para impostar o NÓS; recalas
E atrincheiras no alfoz onde interpelas.

Nas trincheiras do NÓS, a dúas velas,     
Velar armas -EU-TI- desenvaiñadas;
Por remendar no NÓS, reconciliadas
Nos mastros e timón, dúas subelas.

Subelas, enfiade o vento á proa;
Agarra, bergantín, ben na marea;
O soño mariñeiro vén preñado

Dos teus -que son meus- pasos sobre area,
Á ribeira, mallante, derivado
Polas perlas, o NÓS que me coroa

Dun "ego" que me afinca, e que me afoga.

(Rioderradeiro)


quinta-feira, 11 de novembro de 2010

...en torrencial tormento me soterras.

Con sepulcral silencio non te asomes…
¿Por que, en calada voz, tanto me aterras
E en torrencial tormento me soterras
Se te invoco e te vas polos cen nomes?

Se te chamo outra vez, ¿por que te escondes?:
¿Por que se esconde en min a túa esencia?,
¿Por que se esconde en ti a miña ausencia?,
¿Por que, sendo os dous un, non me respondes?

Para arrincar temor tan escondido,
Non atopa a razón camiño aberto;
Lacera ao corazón o cruel latido

Que envelena a razón na que diserto;
Non logra ao corazón, por mal concerto,
Mil meigallos sandar, por mal sentido.

Con sepulcral silencio non te asomes…
¿Por que, en calada voz, tanto me aterras?,
Se te invoco e te vas polos cen nomes;

¿Por que, sendo os dous un, non me respondes,
E en torrencial silencio me soterras?

(Rioderradeiro)


quinta-feira, 4 de novembro de 2010

Nas carnes hei probar o ferrón frío.


  Non foi a luz quen de cegarme os ollos;
os ollos non os cega unha luzada;
non foi a luz quen de cegarme nada;
con nada hei conformar os meus antollos.

  Non foi a luz quen de vencer escollos;
os múltiplos da man dunha mirada
escollos son da luz multiplicada
por miriades de máis en máis embrollos.

  Porque na luz alcanzo o desvarío,
cos ollos selectivos da memoria,
transito do revés tortos camiños;

  Porque na luz deslumbro e queimo a noria,
padezo a  cerrazón do meu desvío;
ás palpadelas vou palpando espiños:

  Nas carnes hei probar o ferrón frío.


                              (Rioderradeiro)

terça-feira, 2 de novembro de 2010

Mensaxeira estelar na flor do soño.



  Como te atreves, Sol, a darme as horas,
se sabes que das horas vén collido
o tempo de vivir comprometido
co tempo de matar a luz nas sombras?


  Como te atreves, Sol, que me devoras,
a acreditar calor no meu baldío?;
por que forzada lei cortas o fío
e tornas a enfiar? Por que me asombras?

 
  E, sen embargo, Sol, eu sempre espero:
outra aperta, outro adeus, outra mirada;
bolboretas,  meu Deus! -solpor medoño-


  Ou!, candil daquel lar que tanto quero:
máis arrolos de nai, cantos da fada
mensaxeira estelar na flor do soño.

(Rioderradeiro)


sexta-feira, 29 de outubro de 2010

...vou de arribada.




  Sinto aberto o costado á sementeira
da cruz e do calvario escarnecido;
sinto a chama do fogo enfebrecido
galopar polo peito sobranceira.


  Sinto a vela, do vento compañeira,
velear polo mar do meu sentido;
sinto o mastro, coas frechas de Cupido,
dispararme, sen tregua, ata a ribeira.


  Coa reverencial sombra certeira,
enrumbo o corazón pola encalmada
paisaxe divinal, tan pracenteira;


  A fe de profesar fe verdadeira
acredita no Ser que me acompaña;
no seu reino o meu reino rende espada;


  Como lle hei de chamar trala campaña?,
Adonai?, ou Hashem..?, de que maneira..?,
-Meu Deus!-, Alá?El Shalom?, "Causa Primeira"?

          (Rioderradeiro)