quarta-feira, 24 de agosto de 2011

No muíño do mar, sempre en campaña.


Abrazo temerario ao gran da espiga,
Ardente por demais, mirada aberta;
¡Ai do rodicio que, roendo, aperta,
Axita e contorsiona a man amiga!

¡Ai do muíño inxel -Deus cho bendiga-!
¡Ai da fariña en flor, carne liberta!,
Desata o corazón, soña desperta
Ser saboroso pan con moita miga.

Caudal de acea, após frugal fazaña,
Devece proseguir e baleirarse
Na inmensidade azul, por dilatarse,

Perpetuo entrometer en pura entraña,
Por rede principal: Quere inmolarse
No muíño do mar, sempre en campaña.

(Rioderradeiro)


domingo, 21 de agosto de 2011

Sobre un corcel coroado.


Se me armades cabaleiro,
Hei cabalgar arroupado,
Molinero, compañeiro,
Do teu abrazo cimeiro;
Por Agustín, verbo alzado,
Orador, meu Pregoeiro;
Por Luciano Piñeiro,
Verso viril, peneirado;
Por Ramón Rei, sol senlleiro,
Sobre un corcel coroado.

Se me armades cabaleiro,
Grande adarga, Carpinteiro,
Cota de malla, enclaustrado,
Poetastro lagarteiro,
Lanza, escudo sobranceiro,
Quixotesco e “ensanchado”,
Alento que vén sobrado,
A tropel, atoleirado,
¡Dulcinea!, aventurado,
Contra as aspas, mal guerreiro;
Xustas de abade e barbeiro;
Macías o Namorado,
Galán da gaita e gaiteiro,
Segrel, xograr feiticeiro,
Nun Cachafeiro inspirado
Agasalle ao loureado
Co secular Cantigueiro...


Espada de formulario,
Se me armades cabaleiro,
Carpinteiro perdulario,
Por desfacer  mariñeiro
Preferindo estrafalario,
Con ritmo, rima e rimario,
Consoante perdigueiro
De ripios que infunden fario
E fomentan perfumeiro
Fumicidio de incendiario;
Alento turiferario...,
Venia do baril Barreiros;
Seráfico Feliciano,
Rodo e xabrón gabanceiro
Con sonetil incensario.


Se me armades cabaleiro,
Carpinteiro cartesiano,
Abenzóeme en ribeiro,
Un cofrade do Armenteiro,
Escaleira Roxeliano,
Por mor de asestar certeiro,
Pelando a pel da cordura,
Con singular “sinecura”,
Frecha en saial franciscano,
Cantarlle un laio á loucura
Para enfeitizar profano,
Cabaleiro franciscano,
Cabaleiro en confitura,
Cabaleiro sen montura,
Clavileño loureano
Desbocado pola amura...


Dun bergantín de secaño,
VOUGA avante, singradura,
Zamburiñas na escritura,
Reverendo “salpicano”,
Probar no prebe a cintura,
Merluzo primaverano;
Postre, abrazo de xitano,
Pulcro pastel soberano;
Tres mastros pola finura,
Irmáns de Herbón, gran altura,
Corra o café con cordura:
¡Vela ao licor ourensano..!

Se me armades cabaleiro,
Hei cabalgar arroupado,
Molinero, compañeiro,
Do teu abrazo cimeiro;
Por Agustín, verbo alzado,
Orador, meu Pregoeiro;
Por Luciano Piñeiro,
Verso viril, peneirado;
Por Ramón Rei, sol senlleiro,
Sobre un corcel coroado.

(Rioderradeiro)


domingo, 7 de agosto de 2011

Demanda, en beneficio, obter condea.


Archivo:Detalle del Ángel caido.jpg


A man que alimetou lume en novela,
Arcanxo Rexedor, dardo adherido,
Atiza o seu trebón, fica prendido
Da mecha no tizón turbando estrela.

A man que entremetiu torcida en vela
Relampa en espadón empedernido,
Remeda un Lucifer de raio urdido
Na folla de afeitar que descabela.

A man por manancial reconducida,
A man que en mocidade sobrancea,
A man que aprende os anos e encadea

Á terra umbilical traxe á medida,
Teimudo o seu rigor sempre homicida,
Demanda, en beneficio, obter condea.


(Rioderradeiro)




Thor

quinta-feira, 21 de julho de 2011

E unha mirada azul: Categoría…





  Reverdecente anil resplandecente,
raiola tobogán que talla a tarde,
gaivota paladín que tece alarde
parafusando luz deica ponente.

  Raiola tobogán de chama en pente,
outro mascato impar, fite en bocarte,
chouta da excelsitude e baluarte
con vertical valor pola pendente.

  Estremécese mar sinceramente,
entristece solpor á vaga viva,
a gaivota, o mascato, a perspectiva,

  A perfilar pintura en halo ardente
que lle rouba o pintor á marusía,
e unha mirada azul: Categoría


  Con paleta e pincel, alma inocente.


        (Rioderradeiro)


segunda-feira, 18 de julho de 2011

Por redimirlles penas previo pago.

(Ruth Mathilda Anderson)
























  Desventurado tempo en franco olvido,
crecente decrecente en corpo eivado,
comparece, de seu, avariado,
inocente, esmorece en mente espido.

  En mente el esmorece descosido,
decote denegrido e denegado,
que o saco da memoria está furado
e derrama continuo aquel contido.

  Naquel contido verque alento aciago
e baleira na ceifa ese albedrío
banqueiro navegante en señorío,

  O barqueiro Caronte cruza lago
e carrexa mortais no seu navío
por redimirlles penas previo pago.


  Carafio!, remador, en vós confío.

       (Rioderradeiro)


(Caronte, ilustración de Gustave )