quarta-feira, 24 de fevereiro de 2016

Onde a rompente máis brilla.


(Benigno Do Roxo)

  Ollo que le na paisaxe
azul salientando armiño;
ollo que imparte aloumiño
a indomable personaxe.

  Ollo que non ten paraxe
albisca no alén aliño;
ollo, avarento, adiviño,
ávido de reportaxe.

  O mar alzado en beleza
sobrancea marabilla;
vagas subliñan braveza
de combater contra quilla.

  Ollo!, o visor pon presteza
onde a rompente máis brilla.

   (Rioderradeiro)


 (Benigno Do Roxo)

Non todo está no retrato.

La Bella Otero - Wikiwand
(Wikipedia)


  Enrosca a serpe o zapato,
envolve pé esa lazada;
présta a paciente implicada
-cómpre abreviar o relato-,
corpo supino, imputada.

  No fetichismo hai recato;
non todo está no retrato;
faltan pastel e pomada;
prima en pecado pacato
proposición requintada. 

  Refinamento no oficio,
fame negra do desexo,
sede brava do pelexo,
vivacidade no vicio.

  Perplexidade, complexo,
orfandade en orificio;
alza tacón precipicio,
que é suicida o cangrexo:

  Salto mortal, artificio
dunha alancada, co(r)texo?

.

   (Rioderradeiro)



domingo, 21 de fevereiro de 2016

Careto de cara dura!


  Cilíndrico na estructura,
cónico polo tellado,
coma fortín afincado
de fidalga compostura.

  Delirios, soños de gloria!,
a caciquil por cultura,
a medieval por natura
dobra neuroses na noria.

  Amarra tempo de euforia,
que enfría en estancia escura;
que é ben pérfida a memoria
cando a cachola a supura!

  Para ennobrecer historia
de batallas sen vitoria,
blinda, enverniza armadura,
enaltece esa loucura...

  Toledana espadachina,
é florete, é florentina,
é mandobre, e malandrina...

  Careto de cara dura!

  (Rioderradeiro)

quarta-feira, 10 de fevereiro de 2016

Dentro dun ano, do olvido.


((Xosé Sendón Caamanho)

  Non chores, non está morto;
Facundo só está dormido;
o carnaval despedido
ha regresar a este porto,
dentro dun ano, do olvido...

   (Rioderradeiro)

Dentro dun ano, a vampira?






















(Velatorio da sardiña, por Antón Lameiro)



  Unha chalada completa
debruzou cheiros con ira.
A descalzada interpreta
ou na coroa etiqueta
a unha covarde que expira?
O cadaleito é mentira!?

  Contaminante mofeta!
Cando un talón se retira?
Toda maldade secreta
finxe deceso, delira
dunha maneira discreta
polo zapato que estira.

  Camuflaxe de careta?
Catalepsia de Palmira?
Purga no pulso e respira?
Pódese pór a dieta,
pode volver á calceta,
dentro dun ano, a vampira?

  O tacón de tafilete
ten vocación de retrete.

  Renovación da tarxeta?

  (Rioderradeiro)



(De Bernard Picart, Wikipedia)