terça-feira, 28 de fevereiro de 2017

.- Abrindo a porta á parodia

Foto de Manuel M. Caamaño.

  Non lle espeta pau na roda
ao goberno trinitario
un contubernio ordinario,
senón solo hipotecario
que, en canto hai Pleno, pon poda
na portada dun diario.

  Non coce o pan cando a codia
non acobilla o miolo;
se non seguen protocolo
para amasar o molete
panadeiros de copete,
quen alimenta a prosodia?

  Peta na boca un filete
abrindo a porta á parodia…

   (Rioderradeiro)




quarta-feira, 1 de fevereiro de 2017

.- “Per… saeculorum”, amén!

Foto de Manuel María Pena Silva.
(Ao benquerido amigo Xermán Sande Formoso, con motivo de seu 70 cumple)


    Setenta..! Cabe apuntar,
coma un adeus, no diario,
divorciando o dietario
das follas do calendario,
retallos que han requintar
a pel do teu relicario.

  Setenta..! Cabe apostar,
como seguir, sedentario,
a conxugar, solidario,
ao pé da cruz, no calvario,
os tempos do verbo amar
con corazón solitario.

  Setenta..!, dixen. Ninguén,
salvando a Matusalén,
cumpliu anos cun acuario
“per… saeculorum”, amén!


  (Rioderradeiro)

sexta-feira, 16 de dezembro de 2016

Canta congoxa incontida!








(IN MEMORIAM da tía ELENA, nai dos meus curmáns Maruxa, Manolo, Antonio e Mario SILVA GARCÍA)



  Sendo tan poucos, son tantos
os anos desde a pertida...

  Son de soidade os teus prantos,
sangra orfandade a ferida;
sombras, baleiro... Que vida!

  Que vida! Cantos quebrantos!
Cantos de dor, sacrosantos!
Canta congoxa incontida!

 
  (Rioderradeiro)








terça-feira, 23 de agosto de 2016

Como apuntando á pontella.




















  Terma o calvo da botella;
con trazo santo, sereno,
debuxa, endereita aceno,
bendice, escancia, aconsella...

  Dispáranse, de orella a orella,
bicos dun ardor obsceno,
os noivos, como aconsella
preliminar de parella...

  Protocolar, punto ameno,
dardos de doce veleno,
como apuntando á pontella,
pra dar no cravo... de pleno.

  (Rioderradeiro)

sexta-feira, 22 de julho de 2016

A quen pon pés na ribeira.


  Bálsamo, a luz velaíña;
beizón, a brisa veleira;
virtude, a vaga vindeira;
o brando beizo adiviña
a quen pon pés na ribeira.

  (Rioderradeiro)