sexta-feira, 15 de julho de 2016

Veu Chuvasco a dúas velas.


Manolo Chuvasco (e compañía) en MUROS MIRA AO MAR, 2016.
   
  Facsímiles en fibrapán,
cruceiristas damiselas
-envexa das pasarelas-,
campechano o capitán;
ao abeiro das xanelas,
bergantíns, dornas, gamelas...; 
singradura a ras do chan,
navegantes de verán,
marexada en pantalán:
Veu Chuvasco a dúas velas.

  Veu Chuvasco a dúas velas;
amordaza o curricán,
moratoria ás carabelas;
moralista, en capelán,
amortalla bagatelas.

   (Rioderradeiro)


domingo, 15 de maio de 2016

Inefable monolito.



  Vexo quenlla, ou tiburón,
vociferante en granito;
vexo en pedestal un grito
invocando pavillón,
inquebrantable apetito
vindicando aprobación.
  
  Insufrible implantación,
inefable monolito.


  (Rioderradeiro)




quarta-feira, 13 de abril de 2016

Arte, Martiño, o teu cesto...


(Foto: Benigno Louro Sendón)
  O vimbio, flexible, présto
a obedecer, sen mal xesto,
a mans tan duras, tan destras,
a mans, por sabias, mans mestras.

  Marabilloso, e modesto
arte, Martiño, o teu cesto...

  (Rioderradeiro)

segunda-feira, 11 de abril de 2016

Por convite, a fermosura.


(Foto: Benigno Louro Sendon)

  Vaga, ao caracolear,
vén debruzante en brancura,
ben delirante en bravura;
fervenza na pel escura
da rocha, na beiramar...

  Que confite a gorentar,

por convite, a fermosura!

   (Rioderradeiro)

quarta-feira, 24 de fevereiro de 2016

Onde a rompente máis brilla.


(Benigno Do Roxo)

  Ollo que le na paisaxe
azul salientando armiño;
ollo que imparte aloumiño
a indomable personaxe.

  Ollo que non ten paraxe
albisca no alén aliño;
ollo, avarento, adiviño,
ávido de reportaxe.

  O mar alzado en beleza
sobrancea marabilla;
vagas subliñan braveza
de combater contra quilla.

  Ollo!, o visor pon presteza
onde a rompente máis brilla.

   (Rioderradeiro)


 (Benigno Do Roxo)